Rumpelstikin info@urdime.net 619 92 03 35
__Inicio____A obra ____Galeria____Video____Documentacion
Sinopse _Ficha artística e técnica _Apuntes do director _ Apuntes da escenógrafa_ As compañías_Os artistas

Conceptos básicos, personaxes
e linguaxe escénica.

A obra teatral trata o tema da Pobreza. Na sociedade moderna a riqueza e a pobreza van sempre unidas. O concepto analiza un paradoxo de proporción inversa: á riqueza material correspóndelle unha "miseria intelectual" e viceversa, os que menos posúen gozan dunha "riqueza espiritual".

As dúas tendencias opostas nutren o conflito básico. A dramaturxia "dá corpo" ao tema principal converténdoo nun personaxe propio. A decisión creativa destaca o papel fundamental da Pobreza na dialéctica social. Dado que actúa sempre na escuridade, a Pobreza está representada na obra axeitadamente en formato de sombras chinescas.

O vello Muiñeiro é un home culto. As imaxes verbais, incrustadas na súa fala cotiá, sorprenden con matices filosóficos. El utiliza unha linguaxe rica e metafórica para expresar o seu amor paternal. "A miña filla é tan hábil, que pode fiar de calquera herba seca un fío de puro ouro,". Esta afirmación contén a clave conceptual da trama.

Pola contra, o Rei resulta analfabeto. Ten a mente atascada por unha cobiza infinita. Isto impídelle captar o sentido profundo das palabras.

Compréndeo todo literalmente, de forma superficial e simple, nun só contexto: "ouro". A linguaxe do Muiñeiro é incomprensible para o Rei. O monarca e o labrego non falan o mesmo idioma. Un exprésase como pode e o outro entendeo como quere.
O espectáculo é un retrato escénico da ausencia total de comunicación entre os ricos, que mandan, e os pobres, condenados a obedecer.

A vítima desta situación, a filla do muiñeiro, está obrigada a converter cantidades de palla en fío de ouro. Esta barbarie expresa o problema básico formulado na dramaturxia: a incapacidade dos mozos de resistir o colapso do sistema social.

Nas situacións criticas, sempre aparece o personaxe do anano. O seu oficio é facerse rico a conta dos demais, sacando beneficio de cada drama humano. Cobra, polos seus servizos, un prezo terrorífico: o poder e o control sobre
a vida.

O único xeito de recuperar o equilibrio da situación e experimentar un progreso persoal é coñecer o verdadeiro nome da estraña criatura.

O marco de dramaturxia péchase coa escena da revelación do Muiñeiro. É un micro-monólogo emocionalmente moi intenso e cun explosivo carácter. O personaxe consegue abrir o seu interior ao publico para que se identifique con el. Alí pestanexa a cacharela da súa alma, arredor da cal sitúa a sombra do anano perigoso. O pai recoñece a parte da súa culpa, axusta as súas contas e axuda á súa filla a comprender a filosofía da vida.

A problemática ofrécese dunha forma divertida, dinámica e espectacular. A linguaxe escénica conta con moita emoción, humor, ironía e ata con sarcasmo, para definir a súa propia opinión crítica. A acción escénica ten un ritmo intenso, cambiando de forma cinematográfica o espazo e o tempo.

 
   
Kalina Teatro & Trompicallo